Saturday 04 de May de 2024

A Xunta destinará o vindeiro ano 60 millóns de euros os produtos agroalimentarios galegos


Considera que o agroalimentario é un dos vectores estratéxicos da economía da nosa terra; un sector con grandes potencialidades

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, adiantou que o Goberno galego investirá o vindeiro ano preto de 60 millóns de euros en promover a capacidade produtiva, en avanzar na valorización comercial e en apoiar a internacionalización dos produtos agroalimentarios galegos.

Durante o acto de entrega dos Premios Carrefour á Mellor peme agroalimentaria e á Empresa máis innovadora de Galicia, que recaeron en Torre de Núñez e en Feiraco, o titular da Xunta explicou que, concretamente, se destinarán case 30 millóns de euros a accións vinculadas coa industrialización e coa comercialización. Unha partida á que hai que sumar, dixo, os 19 millóns de euros que recolle o Plan de Desenvolvemento Rural de cara a financiar investimentos nas industrias agroalimentarias galegas. Ademais, a Xunta investirá 3,3 millóns de euros na valorización comercial dos produtos de calidade, apoiando tanto a súa promoción como aos propios produtores; e 5,5 millóns en axudas para aquelas empresas que se decidan a internacionalizar; é dicir, preto de 10 millóns de euros “adicados a poñer en valor a calidade dos nosos produtos e a internacionalizar o sector agroalimentario”.

Na súa intervención, o mandatario galego cualificou ao sector agroalimentario galego como un dos vectores estratéxicos da economía da nosa terra; un sector con grandes potencialidades, e lembrou a aposta que a Xunta vén realizando para a súa valorización, promoción e internacionalización.

Así, Feijóo referiuse a que, só nos dous últimos anos, a Xunta destinou un total de 160 millóns de euros na busca do crecemento do sector: máis de 60 millóns de euros destinados á mellora da transformación e comercialización dos produtos agroalimentarios e á promoción dos produtos de calidade diferenciada con Denominación de Orixe Protexida ou Indicación Xeográfica Protexida; e 100 millóns de euros que o Executivo autonómico destinou aos produtos da pesca, do marisqueo e da acuicultura. “En total, 160 millóns de euros en dous exercicios na busca do crecemento do sector agroalimentario e da cadea de distribución mar-industria”, incidiu.

Datos positivos e fortaleza exportadora
“Esta firme aposta tense traducido xa en datos positivos e en incrementos”, aseverou o presidente da Xunta. E, nesta liña, lembrou os últimos datos de exportacións coñecidos, que sitúan Galicia como a cuarta Comunidade autónoma onde máis medraron as exportacións no mes de setembro: incrementáronse case o dobre que a media española, un 18%. Algo que considerou especialmente significativo se temos en conta que o pasado ano, 2013, Galicia logrou o seu récord histórico de exportacións: nestes primeiros nove meses de 2014, as exportacións xa acadaron os 13.400 millóns de euros, sendo un 1,4% superiores. “E, entre o que compramos e o que vendemos seguimos cun saldo positivo de máis de 2.000 millóns”, engadiu.

Na súa intervención, o presidente da Xunta resaltou o feito de que a nosa Comunidade conte cunha marca –Galicia Calidade- que permite diferenciarnos no mercado nacional e internacional, un distintivo que nos ofrece unha vantaxe competitiva indubidable, sinalou. Por iso, aseverou “estamos dispostos a seguir fortalecendo este selo de garantía”.

Xunto con isto, subliñou a importancia do traballo común entre os tres elos da mesma cadea: produtores, transformadores e comercializadores, para acadar os mellores resultados. “Temos que traballar nesta triple hélice no sector agroalimentario, no que traballan 100.000 persoas na comunidade”, dixo, logo de incidir na importancia de equilibrar a elaboración de prezos, adecuar a oferta e a demanda e traballar na integración, mediante proxectos conxuntos e baixo un formato que permita aumentar o nivel de satisfacción entre as tres partes desta mesma cadea.

Por último, o mandatario autonómico resaltou que, coa entrega destes galardóns, Carrefour renova a súa implicación coa Comunidade ao recoñecer o labor de dúas industrias alimentarias que destacan pola súa calidade, polo seu bo facer e polo seu posicionamento e imaxe nos mercados. Feijóo cualificou a Torre de Núñez e a Feiraco como “dous referentes do sector agroalimentario galego”; industrias consagradas a achegar ao consumidor produtos diferenciados e empresas que co seu labor diario non fan senón contribuír a identificar Galicia como marca de calidade.